1º Trimestre: primeiro contacto co Museo
O proxecto arrancou cunha visita ao Museo Etnolóxico, onde o alumnado participou en obradoiros dinámicos deseñados polo equipo do museo. A través de conversas, xogos, reflexións colectivas e visitas guiadas ás instalacións, os estudantes foron introducíndose no mundo do patrimonio, aprendendo que é a etnoloxía, como funciona un museo e que papel xoga na preservación da historia e da cultura.
Preguntas como “Que obxectos deberían formar parte dun museo?” ou “Que representarías ti se tiveras que doar algo ao futuro?” serviron de punto de partida para reflexionar sobre identidade, memoria e cultura material. Estes obradoiros non só achegaron contidos, senón que sementaron a curiosidade e a motivación que alimentaría o traballo dos seguintes meses.
2º Trimestre: a creación toma forma
Xa nas aulas, e coa inspiración da visita ao museo, e o acompañamento das profesoras ao cargo, cada grupo desenvolveu un proxecto propio:
- 1º ESO optou por propostas moi creativas:
- Deseño dunha mascota tridimensional para atraer a visitantes infantís.
- Creación dunha cápsula do tempo con obxectos significativos.
- Carteis promocionais para o museo.
- Campaña de doazón temporal de obxectos patrimoniais.
- 2º ESO centrouse na divulgación e na investigación:
- Preparación de xogos tipo Kahoot e charlas para alumnado de Primaria.
- Pequenas investigacións sobre personaxes, lugares e acontecementos da historia local.
- 3º ESO traballou dende unha óptica audiovisual:
- Creación de vídeos curtos promocionais estilo TikTok
- Previamente á gravación deste vídeos elaboraron os guións técnicos, storyboards e toda a planificación necesaria para presentar o museo dunha forma actual e atractiva.
- 4º ESO foi un paso máis alá:
- Detectaron o desinterese doutros compañeiros polo museo e decidiron actuar.
- Prepararon unha charla divulgativa con vídeo, presentación e xogo interactivo.
- Grazas a Dirección Xeral de Patrimonio puideron participar dun obradoiro de organización de eventos, onde aprenderon a planificar, xestionar tempos e comunicar en público para despois poder realizar á charla sobre o Museo Etnolóxico ao resto de compañeiros e compañeiras das clases de 4º.
A recta final do proxecto consistiu nunha posta en común dos traballos, na que cada grupo presentou os seus proxectos ante persoal do museo. Esta fase foi clave: permitiu valorar o traballo feito, reflexionar sobre o proceso e aprender uns dos outros.
Coa súas visitas ao centro, aportouse orientación e axuda na reformulación de propostas, adaptando recursos do museo para dar apoio ao alumnado.
Un proxecto con impacto real
“O Noso Museo” foi moito máis que unha actividade escolar: foi unha ponte entre o presente e o pasado, entre o alumnado e a súa cultura, entre a educación formal e o patrimonio vivo.
Conseguiu:
- Activar a curiosidade e a creatividade.
- Fomentar a colaboración entre niveis e grupos.
- Conectar o museo coa mocidade dun xeito novo e fresco.
- Axudar a construír identidade a través da cultura local.