martes, 1 de julio de 2025

Vídeo do Museo Etnolóxico de Ribadavia


 

IES O Ribeiro e o Museo Etnolóxico

Durante o curso 2024/2025, o IES O Ribeiro embarcouse nunha aventura educativa moi especial: o proxecto “O Noso Museo”, unha iniciativa integrada no Plan Proxecta+43 de educación patrimonial da Xunta de Galicia, dentro da modalidade de Museos e Patrimonio. A través desta proposta, o centro buscou conectar o alumnado co patrimonio cultural da súa contorna máis próxima, colaborando de xeito activo co Museo Etnolóxico de Ribadavia. O obxectivo era claro: achegar aos mozos e mozas ao mundo dos museos, da etnoloxía e da memoria colectiva, pero facéndoo dun xeito vivencial, creativo e adaptado a cada nivel educativo. Un proxecto, moitas experiencias A proposta desenvolveuse ao longo de todo o curso escolar e contou coa participación de grupos de 1º a 4º da ESO 

1º Trimestre: primeiro contacto co Museo 
 
O proxecto arrancou cunha visita ao Museo Etnolóxico, onde o alumnado participou en obradoiros dinámicos deseñados polo equipo do museo. A través de conversas, xogos, reflexións colectivas e visitas guiadas ás instalacións, os estudantes foron introducíndose no mundo do patrimonio, aprendendo que é a etnoloxía, como funciona un museo e que papel xoga na preservación da historia e da cultura. Preguntas como “Que obxectos deberían formar parte dun museo?” ou “Que representarías ti se tiveras que doar algo ao futuro?” serviron de punto de partida para reflexionar sobre identidade, memoria e cultura material. Estes obradoiros non só achegaron contidos, senón que sementaron a curiosidade e a motivación que alimentaría o traballo dos seguintes meses.

  

2º Trimestre: a creación toma forma Xa nas aulas, e coa inspiración da visita ao museo, e o acompañamento das profesoras ao cargo, cada grupo desenvolveu un proxecto propio:
  • 1º ESO optou por propostas moi creativas:
    • Deseño dunha mascota tridimensional para atraer a visitantes infantís.
    • Creación dunha cápsula do tempo con obxectos significativos.
    • Carteis promocionais para o museo.
    • Campaña de doazón temporal de obxectos patrimoniais.
  • 2º ESO centrouse na divulgación e na investigación:
    • Preparación de xogos tipo Kahoot e charlas para alumnado de Primaria.
    • Pequenas investigacións sobre personaxes, lugares e acontecementos da historia local.
  • 3º ESO traballou dende unha óptica audiovisual:
    • Creación de vídeos curtos promocionais estilo TikTok
    • Previamente á gravación deste vídeos elaboraron os guións técnicos, storyboards e toda a planificación necesaria para presentar o museo dunha forma actual e atractiva.
  • 4º ESO foi un paso máis alá:
    • Detectaron o desinterese doutros compañeiros polo museo e decidiron actuar.
    • Prepararon unha charla divulgativa con vídeo, presentación e xogo interactivo.
    • Grazas a Dirección Xeral de Patrimonio puideron participar dun obradoiro de organización de eventos, onde aprenderon a planificar, xestionar tempos e comunicar en público para despois poder realizar á charla sobre o Museo Etnolóxico ao resto de compañeiros  e compañeiras das clases de 4º.
  3º Trimestre: compartir para aprender

 

A recta final do proxecto consistiu nunha posta en común dos traballos, na que cada grupo presentou os seus proxectos ante persoal do museo. Esta fase foi clave: permitiu valorar o traballo feito, reflexionar sobre o proceso e aprender uns dos outros. Coa súas visitas ao centro, aportouse orientación e axuda na reformulación de propostas, adaptando recursos do museo para dar apoio ao alumnado. Un proxecto con impacto real “O Noso Museo” foi moito máis que unha actividade escolar: foi unha ponte entre o presente e o pasado, entre o alumnado e a súa cultura, entre a educación formal e o patrimonio vivo. Conseguiu:
  • Activar a curiosidade e a creatividade.
  • Fomentar a colaboración entre niveis e grupos.
  • Conectar o museo coa mocidade dun xeito novo e fresco.
  • Axudar a construír identidade a través da cultura local.
Este proxecto é un exemplo de como a aprendizaxe pode saír das aulas e enriquecerse co mundo real, facendo que o patrimonio deixe de ser algo alleo para converterse en algo propio.

Vídeo do Museo Etnolóxico de Ribadavia